Historia

Dende 1992, moitas escolas e bibliotecas de Galicia, receben periódicamente a visita dos ratos de Biblioteca, aínda que a 1ª aparición destes curiosos personaxes produciuse no marco do V Salón do Libro Infantil e Xuvenil da Coruña, en 1991.

O profesorado e o persoal bibliotecario permitenlles estas visitas ao comprobaren que non son bechos perigosos para a saúde humana (teñen bós hábitos de hixiene) nen para os libros, xa que ao contrario de outros ratos, estes non os rilan, lénos. Estes ratos, procedentes de Lonxedetodo constituen, aos ollos do público, un modelo de comunidade na que a lectura e os contos teñen unha grande importancia. O conto aparece para eles como un medio de diversión e tamén como unha fonte de coñecemento e de aprendizaxe a través das experiencias dos protagonistas das historias.

David Pernas Lázaro desempeña dende aquela o papel de “Rato da Biblioteca” formando parte ao inicio do Colectivo Xirandola, Compañía Catacrok e finalmente da Compañía do Trinketrinke, a cal dirixe.

Dende 1994 dá vida ao Moucho Leroucho nas Bibliotecas Municipais de Cambre(3º Premio Nacional María Moliner para actividades de animación á lectura no ano 2002). Este personaxe vive nun carballo dunha fraga de Cambre e como polas noites non dorme, aproveita para coarse na Biblioteca e ler contos que despois contará aos nenos tentando vencelo soño que lle entra polo día (cousa que non sempre consigue).

Dende 1994 tamén, realiza a actividade “Merendas con contos” nas Bibliotecas Municipais da Coruña.

Traballa habitualmente nas Bibliotecas de Oleiros (1º Premio Nacional María Moliner para actividades de animación á lectura no ano 2011).